Friday 29 de March de 2024

O Concello de Frades retoma dous anos despois a XXIII Festa dos Nosos Maiores, que terá lugar o sábado 28 de maio


Dirixida a veciños e veciñas de máis de 60 anos, empadroadas en Frades e que se anoten nos Servizos Sociais antes do 23 de maio

O Concello de Frades vén de abrir o prazo de inscrición na XXIII Festa dos Nosos Maiores, que terá lugar o vindeiro sábado 28 de maio na carballeira de San Nicolao e que contará coa presenza do alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, da corporación municipal e dun representante da Xunta de Galicia, aínda por confirmar. Unha festa á que están convidados todos os veciños e veciñas de máis de 60 anos e que estean empadroados en Frades, así como as súas parellas, que deberán anotarse nos Servizos Sociais do Concello (981 695 567) antes do luns 23 de maio.

Roberto Rey sinala que “as persoas maiores merecen máis que nunca este día de celebración despois de dous anos nos que tiveron que pasar por momentos moi duros e con moitas restricións e inquedanzas por mor da pandemia do coronavirus”. O Concello de Frades porá a disposición da veciñanza un servizo de autobús, cuxa utilización deberá ser comunicada no momento da inscrición. En caso contrario, entenderase que as persoas asistentes utilizarán o transporte particular.

A XXIII Festa dos Nosos Maiores comezará ás 13:00 horas cunha misa, que dará paso a unha actuación musical do Dúo Eva e Camilo. O xantar terá lugar ás 14:30 horas. A partir das 16:30 horas haberá actuacións musicais, a cargo do Dúo Eva e Camilo e de grupos folclóricos locais, así como xogos populares fóra da carpa. Finalmente, ás 18:00 horas terá lugar a tradicional homenaxe ás persoas asistentes maiores de 90 anos.